Cultura Galicia
Ata 2.700 alumnos dos centros plurilingües poderán presentarse ás probas gratuítas para certificar o seu nivel de inglés
Sat, 18 Jan 2020 10:35:03 +0000
Gallego
Summary: 
Os exames escritos serán o día 15 de febreiro e os orais realizaranse entre o 10 e o 14 e entre o 17 e o 21 de febreiro
Esta proba é totalmente de balde para as familias
Como novidade este ano, ademais de acreditar os niveis B1 e B2 de competencia lingüística en inglés, ofrécese por primeira vez a posibilidade de certificar o nivel C1 para quen teñan xa certificado o B2

Ata un total de 2.700 alumnos e alumnas das ensinanzas plurilingües de Galicia poderán acreditar o seu nivel de coñecemento lingüístico en lingua inglesa de acordo cos niveis B1, B2 e C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Esta é a segunda convocatoria mediante a que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional habilita un procedemento deste tipo para que todos os estudantes que finalizan os seus estudos da etapa de ESO, Bacharelato ou de Formación Profesional nalgún dos 423 centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias. Como novidades este ano inclúese a maiores a certificación do nivel C1, para quen xa teñan certificado o B2.

Os exames escritos realizaranse o día 15 de febreiro, mentres que os orais terán lugar entre o 10 e o 14 e o 17 e 21 de febreiro. O alumnado poderá escoller entre realizar as probas de acreditación do nivel B1 (que equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular), o B2 ou o C1.

Achégase así un valor engadido ao esforzo no desenvolvemento do programa por parte dos centros, e supón unha importante oportunidade para o alumando e as súas familias, que teñen a posibilidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.

Esta iniciativa enmárcase dentro das liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso destas probas.

Cómpre lembrar que na primeira convocatoria deste tipo que se levou a cabo o curso pasado os resultados acadados foron moi satisfactorios, xa que superaron as probas o 84% dos alumnos presentados.

Datas previstas de publicación no DOG das convocatorias de axudas de apoio á etapa predoutoral, atracción e retención de talento investigador e de consolidación e estruturación nas universidades do SUG para o ano 2020
Fri, 17 Jan 2020 08:00:46 +0000
Gallego

Para coñecemento das persoas e entidades interesadas a Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional informa das datas previstas de publicación no DOG das seguintes convocatorias de axudas para o ano 2020:

Convocatoria

Data de publicación no DOG

Axudas de apoio á etapa predoutoral

6 de febreiro de 2020

Axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG

21 de febreiro de 2020

Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento

17 de febreiro de 2020
Tema: 
Ensinanza: 
Colectivo: 
Convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso 2019/2020
Wed, 15 Jan 2020 14:30:29 +0000
Gallego

Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional durante o curso académico 2019/2020 e se establecen as bases reguladoras para realizalos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación,Universidade e Formación Profesional durante o curso académico 2019/2020.

Participan os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización Lingüística, no marco do Plan Proxecta, e tamén poden presentarse centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse cinco proxectos, que terán a consideración de excelentes; cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.

  • O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 14 de febreiro de 2020.
Colectivo: 
A Comisión Escolar de Alertas suspende mañá as actividades no exterior nos centros educativos nas zonas decretadas con alerta laranxa
Wed, 15 Jan 2020 14:16:27 +0000
Summary: 
O adverso meteorolóxico afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra e A Coruña e a Mariña de Lugo
Gallego

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá xoves 16 de xaneiro as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora, que comezará mañá ás 06.00 horas e se prolongará ata as 19:00 horas. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra e A Coruña e a Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares. 

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf).

 

Programa Lingua rodada
Wed, 15 Jan 2020 09:00:28 +0000
Gallego

Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso e a valoración positiva do galego entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Para acadar este obxectivo é evidente a importancia as tecnoloxías da información e da comunicación, a Internet, as redes sociais e os recursos audiovisuais, ao seren do gusto das xeracións novas, todas elas nativas dixitais.

Con esta proposta, os rapaces e rapazas crearán vídeos baseados en pequenos relatos para plasmaren a esencia da nosa terra: a súa fala, a súa xente e os seus costumes, lendas, paisaxes, patrimonio, historia…

Poderá participar alumnado de 12 a 17 anos dos centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que curse ensinanzas de educación secundaria (ESO, 1.º de bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio con vídeo-relatos de ata 1:30 min de duración, gravados con aparellos móbiles.

  • 1.ª fase iniciarase cunha proba de selección aberta (casting) na que se elixirán os tres mellores vídeo-relatos enviados polos centros. O prazo de inscrición será do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro, e o de envío dos traballos, do 4 de febreiro ao 4 de marzo de 2020.
  • Na 2.ª fase, os tres centros finalistas da proba de selección recibirán un obradoiro de 3 h de duración, entre o 11 e o 13 de marzo, e enviarán un novo vídeo-relato a linguarodada@gmail.com.
    Entre o 16 de marzo e o 22 de abril, O xurado de Lingua rodada elixirá o audiovisual gañador.
  • Na 3.ª fase, o alumnado participante na obra gañadora terá a oportunidade de rodar o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual durante unha convivencia de dous días no rural galego, e de asistir á súa presentación na XVII Edición do Festival de Cans.

Este programa é tamén unha pequena homenaxe a Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cinema galego, no 25 aniversario do seu pasamento. En 2020 tamén se farán 35 anos da primeira emisión da TVG, que comezou en xullo de 1985 con Mamasunción, unha curta que ese ano ampliaría o seu palmarés cunha chea de premios en certames nacionais e internacionais.

Nas súas palabras, "facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario".

Departamento: 
A Comisión Escolar de Alertas suspende mañá as actividades no exterior nos centros educativos nas zonas decretadas con alerta laranxa
Mon, 13 Jan 2020 15:48:59 +0000
Summary: 
O adverso meteorolóxico afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e a Mariña de Lugo
Gallego

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá martes 14 de xaneiro as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 km/hora, que comezará hoxe ás 21.00 horas e se prolongará ata as 24:00 horas do martes. Este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e a Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares. 

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf).

Carmen Pomar anuncia a licitación da reforma dos talleres de FP do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) para este ano 2020
Mon, 13 Jan 2020 10:12:16 +0000
Summary: 
A conselleira de Educación participou na apertura da I Mostra de Orientación Educativa e Profesional deste concello pontevedrés
O proxecto está xa en fase de redacción
Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto licitar dentro deste ano 2020, probablemente na segunda metade do mesmo, a obra de reforma dos talleres de Formación Profesional do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez.  Fíxoo na apertura da I Mostra de Orientación Educativa e Profesional do Concello da Estrada, na que participou esta mañá, e que se desenvolverá os días 13, 14 e 15 de xaneiro nesta localidade pontevedresa.

Segundo explicou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, a actuación está en fase de redacción de proxecto e as obras poderían comezar xa a finais de ano. Prevese que o orzamento supere os 250.000 euros, en función do programa de necesidades.

En base ás previsións iniciais, as obras consistirían na remodelación total do edificio de talleres que alberga o ciclo de grao básico de Mantemento de vehículos e medio de Electromecánica de vehículos automóbiles, titulacións cunha alta demanda. Así mesmo incluiría unha reforma integral dos aseos e vestiarios masculinos, así como a instalación de vestiarios femininos.

A I Mostra de Orientación Educativa e Profesional do Concello da Estrada ten como obxectivo amosar aos estudantes da localidade a oferta de ensino dos centros do municipio, así como outras opcións a nivel universitario, das Forzas Armadas e do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Para isto haberá obradoiros impartidos no posto do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez arredor da Formación Profesional, así como charlas sobre as súas posibles saídas. Ademais ofreceranse relatorios sobre orientación universitaria e información sobre a oferta de ocio á xuventude. Así mesmo, o IES de Mugardos impartirá un obradoiro de Agroxardinería.

Educación blinda o acceso ás ensinanzas universitarias dos estudantes con dificultades económicas por causas sobrevidas
Mon, 13 Jan 2020 09:14:21 +0000
Summary: 
A Consellería convoca estas bolsas, ás que destina unha contía global de 100.000 euros, que pode ser ampliada se o número de solicitudes o demanda
O importe das bolsas, en función da renda familiar, oscilará entre os 1.500 e os 2.750 euros
Gallego

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que, por causas sobrevidas e imprevistas acontecidas ao longo do curso académico 2019/20, teña dificultades económicas, co obxectivo de garantir que poidan continuar os seus estudos, blindando o acceso aos mesmos.

O departamento educativo da Xunta de Galicia destinará a estas axudas unha contía global de 100.000 euros, que poderá ser incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros. Desde o curso 2011/12 a Xunta concedeu un total de 252 destas bolsas por importe de 737.000 euros.

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario cunha situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista acontecida entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 e que estea matriculado no curso 2019/20, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do SUG.

No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá estar matriculado como mínimo de 30 créditos. Ademais, non poderá ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2020 multiplicada por 1,50.

Na convocatoria enténdense como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o fai con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida, sendo a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2020.

Resolución definitiva da convocatoria de axudas a centros concertados en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura, para o curso 2019/2020
Mon, 13 Jan 2020 07:57:05 +0000
Gallego

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se resolve a convocatoria de axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2019/20.
 

Colectivo: 
Axudas destinadas ao alumnado do SUG que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2019/2020, teña dificultades económicas para continuar estudos
Mon, 13 Jan 2020 07:48:36 +0000
Gallego

Orde do 22 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2019/20, teña dificultades económicas para continuar estudos (código de procedemento ED433A).

Prazo de presentación das solicitudes:

  • Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
  • Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo. Nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes será o 31 de xullo de 2020, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).
     
Tema: 
Ensinanza: 
Colectivo: 

rssfeedwidget.com